Wednesday 01 de May de 2024

O IGVS salienta que todas as medidas contra a exclusión residencial do pacto social pola vivenda están xa en execución


As convocatorias destas axudas para o ano 2021 suman preto de 8 millóns de euros

Todas as medidas incluídas no eixo dedicado á loita contra a exclusión residencial no marco do Pacto social pola vivenda 2021-2025 están xa en execución. Así o anunciou hoxe o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, durante a súa intervención na mesa redonda Propostas para garantir o acceso á vivenda dende diferentes perspectivas, organizada pola Rede Galega contra a Pobreza.

O director xeral do IGVS explicou que a Xunta ten en marcha diversas liñas de actuación dirixidas a garantir o acceso á vivenda dos colectivos máis desfavorecidos, cunha dotación orzamentaria para 2021 de preto de 8 millóns de euros. Entre elas, referiuse ao Bono de alugueiro social ou ao Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, que actualmente cobren o 100% do custo do alugueiro das persoas beneficiarias.

Cómpre lembrar que desde a creación deste programa autonómico e con carácter xeral, o Bono garante unha axuda equivalente a, polo menos, o 50% do custo do alugueiro, pero como consecuencia da covid, desde abril do ano pasado a Xunta decidiu incrementar esta cobertura ata o 100%.

Á parte destas axudas, o IGVS tamén concede subvencións para a rehabilitación de infravivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes e colabora con organismos de carácter social na resolución dos problemas de tipo residencial dos máis desfavorecidos.

O Pacto social pola vivenda tamén garante unha axuda da Xunta de Galicia a todas as persoas afectadas por desafiuzamentos que cumpran os requisitos establecidos, tanto se se trata de execucións hipotecarias como de impago de alugueiros.
Ademais, o IGVS participa en diferentes medidas do Plan de atención ás persoas sen fogar en Galicia 2019-2023 impulsado pola Consellería de Política Social, facilitando o acceso á vivenda de persoas que se atopen nesa situación e poñendo, ademais, vivendas a disposición do citado plan, destinadas a atender as necesidades deste colectivo.